Tuesday 14 de May de 2024

A Deputación destina máis de un millón de euros para a contratación de persoal técnico para a acción cultural dos concello


A Deputación da Coruña contribúe á profesionalización da xestión cultural dos concellos con dúas convocatorias de axudas, unha destinada á contratación de persoal técnico nos servizos municipais e outra para a atención de museos e centros de interpretación. En total, as dúas liñas están dotadas con 1.170.000 € que se distribuirán en concellos da provincia.

A través de dúas liñas de axudas en concorrencia competitiva, a Deputación da Coruña colabora cos concellos na xestión profesional e de calidade da acción cultural municipal. Por unha parte, destina un total de 770.000 € para o mantemento ou creación de postos de traballo de persoal técnico, tanto en xestión cultural como en animación sociocultural, e, por outra, achega 400.000 ao programa para a contratación de persoal especializado para museos e centros de interpretación. A estas dúas convocatorias súmase a destinada ao mantemento de conservatorios, escolas de música e de danza municipais que, cun orzamento de 420.000 €, inclúe entre os gastos subvencionábeis a contratación de persoal.

“Contribuír á profesionalización das áreas de cultura dos concellos e aos centros deles dependentes para promover tamén boas prácticas na acción cultural é un dos obxectivos destas dúas liñas de axudas que son de especial relevancia na Deputación da Coruña”, sinala o responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto.

O deseño das liñas para a contratación de persoal polos concellos executouse coa interlocución directa das entidades e profesionais do sector, tendo en conta a definición dos perfís profesionais e a procura de estabilidade nas situacións laborais. Desta maneira, a liña quere contribuír á mellora no recoñecemento do perfil profesional nos postos de traballo existentes e, doutra, define requisitos, coñecementos formativos, funcións e categorías profesionais para os casos en que os concellos procedan á creación de novos postos de traballo. Neste sentido, as modalidades establecidas son mantemento e creación de postos de persoal técnico en xestión cultural ou animación sociocultural.

“Consideramos que a contratación de persoal especializado nos concellos leva á mellora das boas prácticas en xestión cultural, un dos obxectivos que nos marcamos tamén na Deputación da Coruña, en todas as liñas de traballo que desenvolvemos en colaboración cos concellos”, destaca Xurxo Couto.

Por outra parte, a Deputación da Coruña colabora tamén cos concellos na contratación de persoal para a atención de museos e centros de interpretación, cun máximo de 20.000 euros e un mínimo de 10.000 € ao que poderán concorrer as entidades locais de menos de 50.000 habitantes. A convocatoria require que o centro de interpretación ou museo estea aberto ao público un mínimo de 20 horas á semana e que o persoal teña relación laboral co concello.